Tuesday 07 de May de 2024

O Concello publica criterios interpretativos para dar maior seguridade nas licenzas da zona PEPRI


Desde esta semana os proxectos en execución en trámite de licenzas de obras presentaranse cunha declaración responsable a fin de que un mesmo proxecto non teña que ser informado polo persoal técnico municipal dúas veces

O Concello publica desde hoxe na web de Urbanismo todos os ditames da Comisión PEPRI (Plan Especial de Protección e Reforma Interior) co fin de que se coñezan os criterios interpretativos en base aos cales se informan as licenzas no ámbito histórico. A iniciativa, que pon en marcha o Goberno que dirixe Inés Rey e que se pode consultar xa na ligazón https://bit.ly/3zszMvb, pretende dar unha maior seguridade para traballar na zona PEPRI.

O Goberno local lembra que as persoas interesadas tamén teñen a posibilidade de solicitar un informe de viabilidade á devandita comisión para coñecer as obras que se poden autorizar en cada edificio da zona PEPRI. Ademais, sinala que esta e outras medidas que a concellaría está levando a cabo queren dar resposta ás solicitudes realizadas por parte dos membros da Mesa de Desenvolvemento Urbano que tivo lugar o pasado 2 de xullo, reunión na que se lle esixía ao Goberno local máis seguridade para traballar no ámbito PEPRI e maior axilidade na concesión de licenzas.

Ademais, o Concello anuncia que desde esta semana os proxectos en execución en trámite de licenzas de obras presentaranse cunha declaración responsable a fin de que un mesmo proxecto non teña que ser informado polo persoal técnico municipal dúas veces. Deste xeito, a licenza obterase cun informe favorable do proxecto básico, exixirase unha declaración responsable co proxecto de execución e volverase informar unha vez rematada a obra co fin de outorgar a licenza de primeira ocupación. Trátase dunha petición que se trasladou na Mesa de Desenvolvemento Urbano e á que se lle deu cumprimento en tempo récord.

O Executivo local que encabeza Inés Rey leva un bo ritmo na xestión e concesión de licenzas, mostra do compromiso que ten desde o inicio do mandato polo desenvolvemento e crecemento da cidade. Así, no primeiro semestre do ano, indicou, este Goberno local leva concedidas 421 licenzas de obra, 1.124
comunicacións previas e 583 de actividades. Este dato mellora ao do 2020 xa que no mesmo período do ano pasado déronse 390 licenzas de obra, 877 comunicacións previas e 466 de actividades.

Se temos en conta a pandemia e collemos os datos do ano 2019, a mellora é aínda máis notable. No 2019 concedéronse 315 licenzas de obra en todo o ano, son 106 licenzas menos que as concedidas no primeiro semestre de este ano. Por tanto, o crecemento é moi notable.